
Cando se lle debe falar da morte a un neno ou nena? Debemos protexelos diso?
A que idade se considera bo falar da morte cos nosos fillos ou fillas? Raúl Álvarez
Aínda que para moitas persoas a morte en xeral segue a ser un tabú (máis incluso cando hai menores implicados), na miña opinión é conveniente normalizar un falecemento como unha etapa vital máis, posto que evitar abordar ese tema non vai impedir que os máis novos da casa se teñan que enfrontar a esa realidade.
Isto non significa, nin moito menos, que debamos trivializar a morte nin que existan pautas universais para todos. Por exemplo, debemos ter en conta cal é a súa idade: se teñen entre 2 e 6 anos, adoitan facer moitas preguntas, polo que debemos estar preparados para respondérllelas de xeito claro. Se están na franxa dos 6 aos 10 anos poden ter a iniciativa de querer implicarse nos rituais de despedida e de acudir a un funeral, onde nunca deben ir sós. E se xa superan os 10 anos precisarán especialmente da nosa cercanía e de que esteamos dispostos a escoitalos.
Sexa cal sexa a idade, hai dúas directrices comúns: acudir a un psicólogo se se complica o dó para os máis pequenos da casa e tamén tratar de volver canto antes á rutina.