Nova normativa funeraria: así lles afecta ás familias
Hai unhas semanas lin que había cambios na normativa do sector. Que impacto terá na práctica? Marcos Gil
A recente publicación no Diario Oficial de Galicia do Decreto 129/2023 de Sanidade Mortuoria incorpora como principal novidade para as familias a posibilidade de reducir á metade o tempo mínimo esixido para enterrar a unha persoa falecida, que pasa das 24 horas anteriores ás 12 horas actuais.
En concreto, o artigo 19 desta normativa, que pode consultarse no DOG do 18 de setembro de 2023, recolle que, agás as excepcións previstas, a inhumación dun cadáver poderase realizar, unha vez obtida a licenza de enterramento, nun período comprendido entre as 12 e as 48 horas posteriores ao falecemento.
Esta mesma marxe temporal é a que se contempla para a incineración de cadáveres, segundo o artigo 24 do devandito texto legal. Este prazo pode mesmo acurtarse tanto nos soterramentos coma nas cremacións en determinados supostos, como cando se practique unha autopsia ou cando se obteñan órganos para trasplantes.
Aínda así, cómpre ter en conta que se trata dunha decisión voluntaria das familias e que estas 12 horas son o período mínimo legalmente requirido.