Declaración da renda dunha persoa falecida: co fin da vida, fin das obrigas?
É obrigatorio facer a declaración da renda dun familiar falecido ou esa obriga desaparece ao morrer? Antonio García
En conta do que moita xente pensa, as obrigas tributarias non desaparecen de xeito inmediato tras a morte de alguén. Deste xeito, as persoas herdeiras están obrigadas a presentar a declaración da renda do defunto sempre e cando este obtivera uns ingresos que superen os límites establecidos na obriga de realizar este trámite.
Ademais, cómpre ter en conta que a declaración da persoa falecida debe realizarse en modalidade individual, de xeito que queda excluída da tributación conxunta á que poden acollerse os integrantes dunha unidade familiar, coa única excepción daquelas defuncións rexistradas o día 31 de decembro (neste caso si se pode presentar unha declaración conxunta na que se inclúa tamén a quen morreu).
En canto aos prazos para este suposto, son comúns aos da poboación: así, en 2023 temos ata o 30 de xuño para a declaración do exercicio 2022. O que si cambia é o modo de presentalo de xeito electrónico, xa que os herdeiros non poderán empregar o certificado electrónico ou a Cl@ve PIN da persoa falecida, dado que ambos quedan inhabilitados logo do pasamento.
No caso de que a declaración da renda saia a devolver, as persoas herdeiras deben pedir o ingreso do diñeiro coa presentación dunha solicitude de pagamento, ben por internet ou ben nun rexistro presencial. Para facelo pódense apoiar no Modelo H-100 que a Axencia Tributaria pon á súa disposición na web.
Ademais, deben achegar o certificado de defunción, o libro de familia completo, o certificado do Rexistro de últimas vontades e o testamento (se figura no certificado), ademais dun certificado bancario de titularidade da conta a nome dos herdeiros que van cobrar a devolución. Se o importe da devolución é superior aos 2000 euros, hai que engadir tamén o xustificante de ter declarado o importe da devolución no imposto de Sucesións e Doazóns (é dicir, ter cumplimentado o modelo D650). Mentres non se achegue toda esta documentación, ese diñeiro queda retido.