
Suplantación de identidade: que ocorre se alguén se fai pasar por unha persoa falecida?
Con todos os ciberataques que se están producindo ultimamente, poden afectarlles tamén a familiares que xa morreron? Celia Aguirre.
Onde os demais vemos a triste nova dun falecemento, os estafadores poden ver unha oportunidade á hora de apropiarse da identidade dunha persoa que xa non está entre nós para cometer fraudes.
En España, este tipo de fraudes están contemplados no artigo 401 do Código Penal. Cómpre ter en conta que unha sentenza do Tribunal Supremo do 15 de maio de 2009 xa puntualizaba que era indiferente se a persoa á que se lle roubaban os datos falecera ou non.
O uso cada vez máis frecuente da rede agrava o risco e a frecuencia desta clase de incidentes. Así, segundo as estatísticas do Incibe (Instituto Nacional de Ciberseguridade), só en 2023 esta entidade xestionou cada día 40 casos de media relacionados coa suplantación de identidade a través do correo electrónico. Convén non esquecer que esta estatística non reflicte a realidade ao completo posto que moitos dos episodios deste tipo nin sequera se denuncian e, ademais, danse tamén por outras canles.