
Testamento ológrafo: a súa validez no noso ordenamento xurídico
Estes días, a raíz do caso de Ana Obregón, fálase moito do testamento ológrafo. En que consiste exactamente? Berta Díez
O testamento ológrafo é aquel no que a persoa testadora escribe a man as súas últimas vontades. É unha fórmula recollida no artigo 688 do noso Código Civil, o que lle outorga validez sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos: que quen o redacte sexa maior de idade, que se reflicta claramente o día, mes e ano no que se escribiu, e tamén que se poida verificar que as emendas ou ‘tachóns’ que conteña foron feitos pola persoa testadora (para iso, debe validar a autenticidade destes cambios coa súa sinatura).
Aínda así, esta alternativa non significa que non sexa precisa a intervención dun notario. Ao contrario: a figura deste profesional é clave, xa que é a el a quen debe dirixirse a persoa que teña no seu poder un testamento ológrafo, un trámite para o que ten un prazo de dez días dende o momento no que sexa coñecedora da defunción.
A partir dese intre, preséntanse testemuñas que certifican a autenticidade do testamento e o notario emite a súa acta pechando todo o proceso, que debe completarse sempre nun máximo de cinco anos dende o momento da morte da persoa testadora.