
Canto tempo ten que pasar antes de que un desaparecido se declare morto?
En casos de desaparición, cando remata a investigación e se determina o falecemento dunha persoa? Rocío Turnes.
Hai unha figura no Dereito español, regulada no artigo 193 do Código Civil, que se denomina “declaración de falecemento”: trátase dun mecanismo que permite considerar falecida a unha persoa despois dun tempo sen ter novas súas.
Pode ser solicitada polos interesados –familiares, representantes legais ou, incluso, acredores– ou pola Fiscalía e os seus efectos legais equivalen aos dunha morte ordinaria, polo que lle dan potestade á familia para xestionar o patrimonio do desaparecido.
Os prazos dependen das circunstancias, pero van dende os dez anos en casos de desaparición sen risco extremo aos tres meses en catástrofes naturais, accidentes aéreos ou naufraxios, sendo este último escenario o máis frecuente na provincia de Lugo.
A declaración de falecemento implica a extinción de obrigas persoais, a disolución do matrimonio ou a xestión de dereitos por parte da familia. Aínda que non sexa habitual, esta medida pode reverterse se a persoa reaparece.








