
Que di a lei cando a familia non se pon de acordo sobre se enterrar ou incinerar?
Que pasa se hai un conflito entre os seres queridos dunha persoa falecida á hora da despedida? Lía Vázquez
Perder a un ser querido sempre é unha situación dolorosa, pero atoparse cun conflito familiar engade unha carga emocional dura. O primeiro que se debe ter presente é que o desexo do falecido é prioritario e hai que respectar a súa decisión, que pode quedar reflectida nun testamento vital, nun testamento notarial ou ben nun seguro de decesos no caso de que o tivese contratado, o cal xa inclúe a modalidade de enterro que desexa.
Se non consta a súa preferencia por escrito, a lei establece unha orde de parentesco: prevalece a decisión do cónxuxe, e dos fillos, pais e irmáns, por esa orde, despois. En ocasións o dilema está entre persoas do mesmo nivel. Por exemplo, se a decisión depende de varios fillos que non están de acordo, o proceso debe paralizarse e optar por un procedemento xudicial, que, ao tratarse dun tema urxente, adóitase resolver en menos de 24 ou 48 horas. O xuíz buscará averiguar a vontade do falecido, no caso de non conseguilo, díctase o enterro tradicional, xa que se considera unha medida reversible.








