Como se prepara un para a morte dun ser querido?
A un familiar meu detectáronlle hai unhas semanas unha grave doenza e danlle moi pouca esperanza de vida. Como se afronta algo así? Andrea García
O primeiro que debemos ter claro é que non existe ningunha pauta universal que lles sirva a todas as persoas, xa que cadaquén experimenta estes procesos á súa maneira.
Aínda así, nunha situación coma a que describe, o máis frecuente é que a xente que rodea á persoa enferma poida ir asimilando progresivamente que o falecemento será o desenlace desa doenza que padece e, así, concienciarse sobre a chegada da morte. Como é lóxico, isto non lle resta dureza ao proceso de dó, pero si permite realizar procesos de despedida máis apropiados ou tamén poder abordar vellas feridas emocionais, o que pode facer algo máis doado o dó posterior.
Porén, este acompañamento adoita levar implícito un esgotamento físico e psicolóxico para quen está a carón da persoa enferma. Por iso, é moi importante anticiparse a este desgaste reforzando o autocoidado e traballar, se é preciso da man de profesionais, en conciliar as dúas sensacións maioritarias que se producirán no momento da morte: a pena polo falecemento e o alivio por saber que esa persoa deixou de sufrir.