De que morre maioritariamente a poboación da provincia de Lugo?
Cal é a causa de falecemento máis habitual entre as persoas da provincia de Lugo? Jorge Díaz
Segundo as estatísticas oficiais que publicou en novembro de 2022 o INE, as enfermidades do sistema circulatorio son o factor que máis mortes provoca na nosa provincia. En concreto, das 5019 defuncións rexistradas en 2021 (último exercicio pechado no momento do informe), un total de 1582 deriváronse desta patoloxía, o que equivale practicamente a un de cada tres falecementos.
En segundo lugar atopamos as causadas por tumores, que nese ano medraron ata os 1188 casos, cifra que representa o 23,7% do total. Mentres, os falecementos provocados por doenzas do sistema respiratorio (425) e os debidos a trastornos mentais e do comportamento (413) completan o ranking das razóns máis habituais.
Da comparativa cos últimos seis anos compróbase que 2021 foi o segundo exercicio con menos falecementos na provincia (houbo 74 defuncións menos ca en 2020) e que algunhas das doenzas rexistraron os seus valores máximos do periodo 2016-2021, coma as do sistema xenitourinario (168 mortes), as endocrinas, nutricionais ou metabólicas (167) ou as do sistema osteomuscular e do tecido conxuntivo (46).