
É normal non chorar pola morte dun ser querido?
Recentemente faleceu un familiar meu ao que lle tiña cariño e non fun quen de chorar. É preocupante? Alba Flores.
A morte dun ser querido é unha situación para a que non adoitamos estar preparados e, polo tanto, pode provocar confusión ou reaccións dispares segundo a persoa, o momento vital, o contexto e outros condicionantes.
Unha das manifestacións máis comúns da sensación de dor é o choro. Porén, non é estraña a incapacidade de chorar en casos deste tipo, con independencia do estreito que fora o vínculo coa persoa falecida.
Isto pode deberse a varios motivos, como os efectos do estrés sobre o noso sistema, o contexto sociocultural no que nos movemos, a supresión emocional, os traumas do pasado ou outros factores relacionados coa personalidade e as experiencias de cada persoa.
Por suposto, hai que evitar a culpabilidade e botar man doutras ferramentas que nos axuden a xestionar a situación, intentando non reprimir os nosos sentimentos, buscando apoio e sendo pacientes con nós mesmos.