
En que consiste o dó patolóxico?
Un amigo perdeu a un ser querido xa hai tempo e atópase estancado. Pode o dó derivar ou tornar nunha enfermidade? Julián Fornos.
O proceso de dó, polo xeral, componse dunha serie de fases que ás veces se atravesan case sen decatarse. Porén, hai perdas que producen un impacto maior e que poden resultar máis difíciles de xestionar, derivando no que se coñece como dó patolóxico.
Este caracterízase pola súa longa duración e tamén polos problemas de quen o sofre para levar unha vida normal e a aparición de condutas peculiares, como o desenvolvemento de fobias, ataques de pánico ou actitudes depresivas.
As súas causas adoitan estar vinculadas á paralización dalgunha das etapas do dó. É posible estancarse na negación cando a perda é moi traumática ou sentir que emocións como a rabia, o medo ou a tristura nos bloquean.
Para saír deste círculo, o primeiro que cómpre é identificar que se trata dun proceso patolóxico. A partir de aí, buscar apoio e contar con axuda, xa sexa a nivel persoal ou profesional, é clave, como en calquera tipo de dó.








