Por que os cadáveres de Pelé ou do papa puideron estar varios días expostos?
Chámame a atención que os corpos tanto do futbolista Pelé como de Bieito XVI estiveran durante días á vista do público. Como se fai? Berta Pérez
Cando falece unha figura de renome é habitual que se leve a cabo esta práctica, que pretende alongar o tempo de exposición do cadáver de xeito que lle poida dar o seu derradeiro adeus o maior número posible de xente.
Para facelo posible recórrese ao embalsamamento, unha tradición que se aplicaba xa en determinados casos no antigo Exipto, e que consiste no emprego de substancias químicas que eviten a putrefacción natural do cadáver. É dicir, trátase de frear o deterioro que se produciría de xeito orgánico co apoio dunha mestura de auga, produtos químicos e conservantes, entre outros elementos.
Neste procedemento o que se fai é substituír o sangue habitual do corpo polo chamado líquido de embalsamamento, que se inocula no cadáver logo de facer unha incisión nunha arteria grazas ao uso de aparellos específicos como bombas de inxección e de aspiración. Deste xeito, asegúrase que a persoa teña un aspecto máis próximo ao habitual, minimizando o impacto da cianose (a coloración azulada da pel tras o falecemento).