Por que os papas adoitan ter un triplo féretro nos seus enterros?
Cal é a razón pola que a Igrexa católica ten o costume de soterrar os papas dentro de tres ataúdes? Rosa Conde
Trátase dunha cuestión de tradición vencellada exclusivamente aos hábitos da institución relixiosa, xa que non é en absoluto unha práctica cotiá na sociedade civil. De feito, as dimensións convencionais dos nichos están preparadas para acoller un único féretro dun tamaño habitual.
Porén, como vimos esta semana a raíz do falecemento de Bieito XVI, a Igrexa recorre a tres ataúdes que se encaixan entre si de menor a maior tamaño. Deste modo, o corpo do papa adoita descansar nun cadaleito construído de madeira de ciprés e que vai recuberto con veludo (o equivalente galego a “terciopelo”) carmesí, unha cor litúrxica que, na Biblia, simboliza o sangue dos mártires e a presenza de Deus.
Esta primeira caixa, a única que está en contacto directo co cadáver do Santo Pai, introdúcese dentro doutro féretro feito de chumbo e pechado con cordóns de seda de tons morados (a outra cor litúrxica por excelencia); e, finalmente, o terceiro ataúde -o que queda á vista- é de madeira de olmo pulimentada.