
Saúde mental no sector funerario: os efectos de traballar coa morte
Este luns día 13 conmemorouse o Día Mundial da Loita Contra a Depresión, unha doenza que afecta aos e ás profesionais de distintos ámbitos de actividade. E é que, se o traballo en xeral é, de por si, unha fonte importante de estrés e preocupación para moita xente, o labor diario coa morte supón un desgaste engadido.
No caso específico do sector funerario, as persoas que traballamos neste eido debemos ser quen de combinar a necesaria empatía e o imprescindible apoio na xestión do dó alleo co coidado da propia saúde mental de quen desempeñan a súa actividade neste eido.
En Serfuja somos conscientes dos efectos negativos que ten a exposición frecuente a situacións de alta intensidade emocional, que poden provocar ansiedade, esgotamento e, en casos graves, trastornos como o estrés postraumático, tal como recollen diversos estudos científicos.
Por iso, intentamos arroupar ao noso equipo coa creación dunha contorna laboral confortable dende diversas perspectivas (ambiente de traballo, conciliación persoal, espazos físicos, etc.), que axude a protexer a súa saúde mental e a previr patoloxías deste tipo.