
Seguros de decesos: a letra pequena
Estou valorando a posibilidade de contratar un seguro de decesos, pero xórdenme dúbidas. Están cubertos todo tipo de falecementos? Enrique Val.
En contra do que moita xente pensa, os seguros de decesos non lle dan cobertura a todos os falecementos, xa que na maioría dos casos inclúen determinadas exclusións que convén coñecer antes de contratar este tipo de pólizas.
En primeiro lugar, habitualmente non cobren aqueles gastos alleos ao que é estritamente o servizo funerario, como poden ser os custos médicos previos ao falecemento ou as débedas pendentes da persoa asegurada.
Na maioría de pólizas de decesos, tampouco se contemplan as mortes non naturais, ben sexan provocadas por catástrofes, guerras, actos delitivos ou, algo máis habitual na nosa contorna, os suicidios. Neste último tipo de supostos, o habitual é a exclusión durante os primeiros anos do contrato segundo figura nas condicións da contratación.
Coma ocorre con calquera outro seguro, a nosa recomendación é analizar sempre con rigor e estudar en profundidade as exclusións que se recollen para coñecer con precisión cales son os servizos realmente cubertos.