A que temperatura se disparan as mortes por calor na provincia de Lugo?
Estes últimos veráns falouse moito do aumento dos falecementos provocados polas altas temperaturas. Que impacto teñen en Lugo? Rafael Fidalgo
A nosa provincia non é allea aos efectos do quecemento global, polo que os días de moito calor teñen a súa repercusión no número de defuncións. Así, en Lugo existen catro zonas distintas coas súas respectivas temperaturas límite a partir das cales se rexistra un incremento nas mortes.
Así, mentres na costa de Lugo este limiar é só de 25,5 graos centígrados, no sur da provincia dispárase ata os 37,1 graos. Nun intervalo medio atópanse o centro (32,6 graos) e a zona da montaña (32,3 graos). Con estes valores, que supoñen unha diferenza de máis de 11,5 graos, Lugo convértese na provincia española que presenta unha maior disparidade, segundo o estudo Determinación de umbrales de mortalidad por ola de calor según regiones isoclimáticas en España do Instituto de Saúde Carlos III.
Esta mesma investigación destaca que ás condicións atmosféricas deben engadirse outros factores socioeconómicos ou demográficos á hora de enviar alertas por ondas de calor, que poidan concienciar á poboación sobre como evitar mortes derivadas das altas temperaturas.