
A que ule a morte?
Estou lendo un libro no que o protagonista di estar impactado polo olor dun cadáver. Como é? Emilio Coucheiro.
Tras o falecemento dunha persoa comeza, inevitablemente, o proceso de descomposición do cadáver, que pasa por varias fases nas que se producen múltiples reaccións químicas que provocan que se desprendan substancias xeralmente pestilentes.
Hai estudos que sinalan que durante a descomposición se poden liberar máis de 450 compostos químicos distintos, cuxo olor distintivo vén marcado pola cadaverina e a putrescina, dous compoñentes que tamén se atopan noutros fluídos como a urina ou en certos casos de halitose. O seu cheiro adoita compararse ao da carne podre e é perceptible incluso en cantidades moi baixas.
Outras dúas substancias que dan un fedor característico aos cadáveres son o indol e o escatol, presentes tamén, por exemplo, nos excrementos. Porén, en baixas concentracións desprenden un aroma floral bastante agradable: de feito, o indol emprégase en moitos perfumes; e o escatol sintético úsase en pequenas cantidades para darlles sabor aos xeados.








