Cal é a diferenza entre os ataúdes ecolóxicos e os convencionais?
O outro día faláronme das caixas ecolóxicas. En que se distinguen das de toda a vida? Ana Lourido
A principal diferenza ten que ver cos materiais que se empregan para a súa elaboración, que son máis respectuosos co medio ambiente dende a perspectiva da pegada que deixan nel. Así, este tipo de caixas requiren un 60% menos de consumo enerxético ao tempo que xeran un 90% menos de emisións nos casos das incineracións (hai que ter en conta que esta alternativa é válida tanto para cadáveres que van ser soterrados como para aqueles que teñen a cremación como destino).
En concreto, os ataúdes ecolóxicos adoitan contar cun certificado ecolóxico de orixe da madeira que se emprega, avalado por selos coma o de FSC ou PEFC. Ademais, na súa fabricación dáselle prioridade ao uso de vernices totalmente exentos de PVC e metais pesados, ao tempo que se minimiza o número de elementos metálicos empregados.
Esta posibilidade das caixas ecolóxicas convive cos ataúdes tradicionais, que cada vez teñen un maior grao de personalización, e é especialmente demandada nos casos das incineracións.