
Cantos días corresponden no traballo polo falecemento dun familiar?
No caso da perda dunha persoa achegada, teño dereito a algún día libre no traballo por ese motivo? Como o debo solicitar? Óscar Fernández.
Segundo o artigo 37.3 do Estatuto dos Traballadores, alguén pode ausentarse dous días do seu posto sen perder diñeiro nin vacacións no caso da defunción de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade (isto é, pais, fillos, cónxuxes, sogros, irmáns, avós, netos e cuñados da persoa falecida).
De acordo co que estipula esta normativa, se as circunstancias obrigan a “un desprazamento”, o permiso será de ata catro días. Porén, os convenios colectivos poden mellorar estas condicións, que son as mínimas por lei, ou concretalas, como a distancia mínima de desprazamento para ampliar a licenza de dous a catro días.
Pola outra banda, existe certa discrepancia sobre o momento no que comeza a contar o tempo de permiso: a norma fala de días naturais, mentres que hai sentenzas que interpretan que só deben contar os días laborables.
En canto á solicitude, debe realizarse o antes posible e por escrito, para deixar constancia do trámite. Aínda que non é o habitual, algunhas empresas esixen o certificado de defunción, mais en ningún caso poden negarse a conceder este permiso.