
Exhumación: quen a pode pedir e onde?
Sempre me pareceu curioso o tema das exhumacións. En que casos se poden facer e quen debe solicitalas? José Antonio Feal.
A normativa que regula estas cuestións (o Decreto de Sanidade Mortuoria de Galicia, publicado en setembro do 2023) incorporou algunhas modificacións sobre a práctica da exhumación, que se realiza ben a instancias de familiares ou persoas cun interese lexítimo sobre o falecido ou ben promovida por un xuíz.
Este texto legal concreta o procedemento a seguir, que é distinto segundo se trate dunha morte xudicial ou non. No primeiro caso, cómpre pedirlle autorización ao Xulgado; unha vez obtido este permiso, faise a correspondente comunicación á Consellería de Sanidade e, posteriormente, tamén se lle solicita este trámite ao encargado do cemiterio.Pola contra, se non se trata de mortes xudiciais abonda con realizar esa comunicación á Consellería de Sanidade e coa solicitude ao responsable do cemiterio.
Sexa cal sexa a circunstancia, o artigo 23.2 deste Decreto estipula que sempre se debe contar coa correspondente partida de defunción (ou, de ser o caso de restos humanos, coa documentación acreditativa da súa orixe), así como ter pagado a taxa correspondente.








