Por que se lle chama morgue ao lugar onde se depositan algúns cadáveres?
Por que se denomina morgue ao espazo no que se deixan os corpos á espera de seren identificados ou da autopsia? Paula García
A orixe etimolóxica desta palabra atopámola no francés medieval ‘morguer’, un termo que significaba literalmente ‘mirar de xeito solemne’. Foi neste país veciño onde se empezou a facer popular este concepto para designar o espazo habilitado para averiguar a identidade de moitas das persoas falecidas que aparecían en París, coma as que eran recollidas do leito do río Sena.
Neste senso, destinábanse lugares específicos para a exhibición dos corpos sen vida que non se podían identificar, aos que acudían diferentes persoas que axudaban no proceso de recoñecemento dos cadáveres.
Para algúns historiadores, esta idea de ‘morgue’ é a evolución dos lugares nos que no século IX se encerraba aos delincuentes que eran arrestados por primeira vez, dado que naquela época non existían fichas policiais nin ningún outro documento que permitira acreditar dun xeito fidedigno a identidade de ninguén. Así, as persoas alí situadas eran observadas con detalle por parte da cidadanía, que as ‘miraba de xeito solemne’ para colaborar na súa identificación.