Visibilizar os suicidios, o primeiro paso para rematar coa morte máis traumática
O silencio ao redor da morte leva sendo unha constante na nosa sociedade durante demasiado tempo. Este feito afecta tamén de cheo á concienciación sobre o suicidio e ao estigma que se ten sobre el, que mesmo chega a ser agochado debido á presión social.
Por iso é necesario falar das mortes autoprovocadas e avaliar por que se teñen convertido xa na principal causa de morte non natural en España. En contra do que moita xente podería pensar, no 2020 houbo o triplo de falecementos por suicidios acreditados que por accidentes de tráfico.
Por iso, en colaboración co voceiro da plataforma Stop Suicidios, Román Reyes, e os Colexios de Médicos, Enfermeiros e Veterinarios da provincia de Lugo, decidimos promover un manual de prevención de suicidios para os colectivos sanitarios da provincia. E é que os datos non poden ser máis arrepiantes: en Lugo, só en 2020, producíronse 13,72 mortes autoprovocadas por cada 100.000 habitantes, o que supón un 53% máis cá media nacional e un 20% por enriba da media galega.
O obxectivo desta guía, que estará publicada durante este ano, é contribuír a:
- Poñer o foco sobre as sinais de alerta ás que lles debemos prestar atención tanto no comportamento alleo como no propio.
- Desmontar os mitos que levan acompañando ao suicidio dende sempre.
- Destacar os recursos dos que dispoñemos para facer fronte a estas situacións.
- Divfundir unhas pautas para a xestión do dó ante un caso de suicidio na contorna máis próxima.
Non facer nada por intentar frear este problema tan arraigado na sociedade non significa máis ca ser cómplices da invisibilidade sobre os casos de suicidio e sobre o coidado da saúde mental.
Con todo, e tal como indicou Román Reyes na presentación desta iniciativa este martes nas nosas instalacións do polígono das Gándaras, aínda que queda moito camiño por percorrer na posta en primeiro plano do suicidio. Así, ao esforzo que realizan moitas figuras públicas por falar abertamente desta realidade nos medios de comunicación e por naturalizar doenzas como a depresión, imos engadir tamén este proxecto para darlle visibilidade ao que leva demasiado tempo agochado.
E é que o papel que xogamos todas as persoas na loita contra o estigma e a visibilización do suicidio é fundamental. Non deixemos nunca de informarnos, de comprender e de divulgar.