Como funcionan as indemnizacións por morte laboral?
En caso de morte por accidente de traballo, a familia ten dereito a algún tipo de compensación? Pilar Giráldez.
Nos casos nos que unha persoa falece por algún motivo vinculado ao seu desempeño profesional, parte dos seus seres queridos teñen dereito a unha indemnización. Segundo a Seguridade Social, entre os beneficiarios atópanse o cónxuxe, os orfos e os pais da persoa falecida.
Estas axudas son compatibles coas pensións por viuvez e orfandade, mais non coas de morte e supervivencia que puideran corresponderlles aos proxenitores ou a outros familiares.
As contías varían segundo a relación coa persoa falecida: o cónxuxe percibiría seis mensualidades da base reguladora da pensión de viuvez, os orfos unha mensualidade da de orfandade e os ascendentes nove ou doce mensualidades, dependendo se se trata só dun ou de ambos.
A diferenza do anterior, no suposto da morte por causa laboral dun pensionista por incapacidade permanente, a contía calcularase en función da pensión que esta persoa estaba percibindo.