Como se debe consolar a unha persoa tras a morte dun ser querido?
Que hai que facer cando se lle quere trasladar o pésame a alguén? Carlos Diéguez.
O dó é unha etapa que cada un xestiona de maneira diferente segundo a súa relación coa persoa falecida, o seu carácter ou o momento vital que atravese. Para ofrecer apoio hai que ter en conta estes condicionantes, pero existen unha serie de pautas xerais a seguir.
Antes de pensar en que dicir, hai que saber que o máis importante é escoitar: a persoa que está padecendo a dor é a que necesita expresar como se sente e desafogarse. Porén, tampouco se debe obrigala a falar, xa que cada un segue ritmos diferentes neste proceso.
Precisamente, axudar á outra parte a ser consciente de que está a vivir fases que son normais pode ser útil, xa que durante o dó é frecuente sentirse descolocado ou estancado. Polo demais, trátase de acompañar e ter paciencia: unha aperta ou un pequeno xesto poden ser suficientes para animar ou consolar.
Pola contra, tratar de xustificar a perda, minimizar a súa importancia ou xulgar e contradicir a quen está atravesando esta situación son comportamentos que han evitarse.