
Como se leva a cabo a repatriación dun cadáver?
Hai pouco faleceu unha persoa que coñezo estando no estranxeiro e traer de volta o seu corpo foi complicado para a familia. Como se xestiona este proceso? Concha López.
Unha repatriación funeraria é un proceso de certa dificultade pola carga burocrática e loxística que supón nun momento xa duro de por si para a familia. Funerarias, embaixadas e, de ser o caso, liñas aéreas deben coordinarse para traer o cadáver de volta ao seu país de orixe.
Por suposto, son necesarios permisos sanitarios e legais específicos: dende o certificado médico e de defunción ata unha carta de solicitude ao consulado ou unha acta de embalsamamento.
O custo deste procedemento varía segundo a distancia, as taxas por permisos e trámites, o tipo de féretro ou as tarifas do voo. Aínda que non hai un prazo exacto, pode durar entre dous e uns 20 días, dependendo do tratamento que reciba o corpo.
Non debe confundirse o concepto de repatriación co de traslado funerario, xa que no primeiro o desprazamento é internacional, mentres que no segundo caso prodúcese dentro do territorio nacional e, polo tanto, é máis áxil e menos complexo.








