
Como se organiza unha despedida civil?
Teño escoitado falar da posibilidade de facer cerimonias civís no tanatorio, pero como se levan a cabo? Luis Pallín
A diferenza dos ritos relixiosos, que seguen uns pasos fixados, as cerimonias civís caracterízanse por seren máis íntimas e personalizadas, xa que se preparan á medida da persoa para centrarse na súa vida, nas súas historias e nos recordos que deixa nos seus seres queridos, polo que adoita botarse man de obxectos, fotos, vídeos…
Agora ben, que non sexa unha misa non significa que se trate dunha despedida improvisada, senón que todo se organiza da man das familias ou das amizades para que esa última despedida sexa unha homenaxe única.
Nos últimos anos teñen xurdido profesionais ou empresas especializadas en cerimonias civís, que contan con oficiantes que conducen o acto para guiar os testemuños e darlles a palabra ás persoas que queiran intervir. O seu traballo comeza pola escoita da familia para axudarlle a poñerlle palabras a un momento moi difícil, organizando os tempos, as lecturas e a música que adoitan acompañar a cerimonia.








