Contas conmemorativas: como render homenaxe en redes sociais
En que consiste a opción de ‘contas conmemorativas’ que ofrecen algunhas plataformas coma Facebook? Paula García
Os perfís conmemorativos supoñen un espazo para que os seres queridos da persoa falecida poidan compartir lembranzas que viviran con ela. En Facebook podemos identificalas porque figura a lenda ‘En memoria de’ canda o nome de quen morreu, aínda que esta plataforma establece certas restricións, coma non incluír esta conta nas suxestións de ‘Persoas que quizais coñezas’ ou nos recordatorios dos cumpreanos.
Para poder activar esta área de homenaxe cómpre que, antes da súa defunción, esta persoa usuaria da rede social deixara designado na plataforma o que se coñece como “contacto de legado”, que é quen asumirá a administración de determinadas funcións, coma escribir unha publicación fixada para o perfil, cambiar a foto de perfil e de portada, solicitar a eliminación da conta ou descargar unha copia do contido compartido en Facebook.
Noutras plataformas, coma LinkedIn, este proceso non é automático, senón que se debe xestionar con esta rede social unha vez se recompile a información e documentación necesarias (copia do certificado de defunción e arquivos legais que amosen que se conta coa autorización para actuar no nome da persoa falecida).