Galicia, a quinta comunidade española con máis fornos crematorios
É certo que a incineración é unha práctica en auxe no noso contexto? Álvaro Díaz
Se botamos man do informe publicado hai unhas semanas pola Asociación Nacional de Servicios Funerarios, a tendencia á incineración segue a aumentar: o número de fornos crematorios incrementouse en España ata chegar aos 537, 95 máis dos que había un ano antes. Deste xeito, España ten case 30 veces máis instalacións deste tipo ca Portugal, país onde só existen 20, o que se explica tendo en conta que preto do 45% dos cadáveres españois xa se destinan á incineración.
Aínda así, existen diferenzas segundo a comunidade autónoma: Galicia, con 41 fornos, é a quinta con máis dispositivos deste tipo, só por detrás de Andalucía (120), Comunidade Valenciá (69), Cataluña (60) e Castela e León (53). Deste xeito, a nosa rexión supera a outras, coma a de Madrid, que, malia contar con 2,5 veces máis de poboación, só dispón de 33 fornos.
Para dar resposta a esta demanda crecente, as empresas do sector funerario están a reforzar a súa capacidade de asumir este tipo de traballos como fixo Serfuja, a única da provincia de Lugo que conta con dous fornos crematorios, o que lle permite prestar un servizo cada vez máis requirido pola sociedade.