
Incineración vs. enterro: que fórmula permite acurtar tempos?
Cando se elixe a cremación como destino final dun cadáver é posible axilizar o tempo para a cerimonia de despedida? Paula García
A diferenza do que algunha xente pensa, o feito de escoller entre a incineración ou o enterro dun cadáver non implica diferenza ningunha en canto aos prazos para poder realizar estas intervencións e a correspondente cerimonia de despedida.
Deste xeito, o artigo 23 do Decreto 151/2014, de 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia recolle que a incineración de cadáveres “poderase realizar unha vez obtida a licenza de enterramento, despois das 24 horas e antes das 48 horas posteriores ao falecemento, a excepción dos cadáveres conservados, conxelados ou embalsamados, que se rexerán polos prazos previstos no presente decreto”.
Estes tempos -entre 24 e 48 horas- son exactamente os mesmos que prevé a normativa para a inhumación (artigo 18.2 da devandita lei), coa única excepción dos supostos de corpos nos que previamente se practicara a autopsia ou se obtiveran órganos para trasplantes, nos que “se poderá autorizar a inhumación do cadáver antes de que transcorran as 24 horas do falecemento”.