
Novas limitacións de aforo para enterros, velorios e lugares de culto
A entrada en vigor a pasada medianoite de novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia a raíz do incremento de contaxios pola COVID-19 aféctalles tamén ás familias que sufran a perda dun ser querido nos vindeiros días.
Por unha banda, a participación na comitiva para o enterramento ou para a cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 15 non conviventes, á marxe do ministro de culto.
Os velorios tamén quedan limitados, neste caso a cinco persoas por sala (agás entre conviventes, para os que este precepto non sería de aplicación) e a 15 nos que teñan lugar en exteriores.
Ademais, prolóngase tamén a restrición no aforo aos lugares de culto, cuxa asistencia non poderá superar en ningún caso o terzo da súa capacidade habitual.
En Serfuja sabemos que son medidas moi duras para momentos especialmente difíciles, pero tamén somos conscientes de que podemos seguir contando coa colaboración de quen acoden aos nosos tanatorios do Polígono das Gándaras en Lugo ou do de Castro Ribeiras de Lea. É por iso polo que pedimos que, conforme á normativa actual, se evite permanecer nas zonas de paso das nosas instalacións e que non se produzan reunións de persoas nestes espazos comúns.
Canto máis respectemos todos estas medidas máis axiña -e con menos danos- sairemos desta situación.