Os tres obxectos máis frecuentes cos que se enterra a unha persoa
Que cousas se adoitan introducir no féretro para acompañar a un cadáver? Paula Arias
Aínda que o certo é que o costume de incluír obxectos nas tumbas é cada vez menos frecuente, hai tres tipos de elementos físicos que continúan a destacar por ser os máis habituais. Os primeiros son os símbolos relixiosos, coma os crucifixos ou os rosarios, que se empregan nos casos de familias católicas que recorren a eles para reforzar esta crenza no momento do pasamento, no que evocan a posibilidade da resurrección.
En segundo lugar, atopamos os materiais que adoitan elaborar os nenos e nenas para despedirse dun ser querido (a cotío o seu avó ou avoa). Trátase de debuxos, cartas, fotos, poesías ou calquera outro texto cos que estas persoas novas, habitualmente animadas polas súas familias, afrontan unha primeira fase do dó cunha dedicatoria que lles axuda a ir asimilando a perda.
E, por último, os cadáveres tamén se poden enterrar con algunha xoia ou complemento que fose de especial agrado da persoa defunta, como pode ser un reloxo, uns pendentes ou unha pulseira. A decisión de que obxectos incorporar na tumba poden tomala tanto os seres queridos como deixala acordada en vida con eles a persoa falecida.