Podería darse en Lugo un caso de tráfico de cadáveres coma o de Valencia?
Esta semana lin a nova dunha trama de venda clandestina de cadáveres en Valencia para a súa utilización en facultades de Medicina. Sería posible un caso así en Lugo? Mario Enríquez
Na ‘operación Thanatos’ conflúen asuntos vixiados por lei coma o tráfico de órganos e a doazón de cadáveres. A este respecto, cómpre revisar a normativa, que en Galicia é o Decreto 129/2023, publicado no DOG do 18 de setembro.
Este fai referencia á clasificación dos corpos falecidos, que se dividen en tres grupos: os que presentan un risco para a saúde pública porque a causa da morte foi unha enfermidade infecciosa transmisible, os que supoñen un risco radiolóxico pola presenza de elementos radioactivos e os que non amosan ningunha desas circunstancias.
Segundo se recolle neste texto legal, o destino final de todos eles será a inhumación ou a cremación. Só se contempla a doazón para fins científicos ou de ensinanza nos corpos do terceiro grupo, sempre de acordo ao establecido nas normativas aplicables.
Na nosa contorna, un factor adicional a tomar en consideración é que a Universidade de Santiago de Compostela (a única que oferta Medicina e Odontoloxía na comunidade) contrata cunha funeraria específica a recollida e tratamento dos cadáveres que lle doan.