Que é a tapefobia?
Recentemente lin unha reportaxe sobre os distintos medos que se producen en relación á morte e mencionaban entre eles a tapefobia. En que consiste? Ana Sánchez
A tapefobia, tamén chamada tafofobia, é o medo a ser enterrado vivo, unha angustia que comezou a estenderse na Europa de finais do século XVIII e de comezos do século XIX con motivo da pandemia do cólera.
Segundo as persoas investigadoras, diante do gran volume de falecementos concentrados en pouco tempo, naquela época producíronse moitos casos de ataúdes que, revisados tempo despois, presentaban marcas de arañazos na parte superior. Desta pegada concluíron que esas persoas enterradas realmente aínda non faleceran e que, tentando saír da caixa, deixaban estes rastros. De feito, a fobia fíxose tan habitual que algúns documentos históricos reflicten escritos dalgúns personaxes representativos que temían esta posibilidade de seren enterrados vivos.
Fronte a isto, a evolución da medicina moderna e dos sistemas de estudo dos cadáveres permite que hoxe en día se poida certificar con total seguridade se unha persoa faleceu ou non, o que evita que se produzan situacións coma esas. Aínda así, esta patoloxía pode persistir entre algunhas persoas, quen poden requirir do apoio de profesionais da psicoloxía.