
‘Aquamación’: así é esta técnica funeraria ilegal no noso país
Recentemente escoitei falar da cremación en auga, un concepto que me sorprendeu. En que consiste? Fabio Romar.
A cremación ou incineración asóciase, loxicamente, ao lume, mais existe unha opción, ilegal polo momento en España, que substitúe as chamas pola auga: a ‘aquamación’.
Esta técnica funeraria consiste na aceleración da descomposición do cadáver mediante hidrólise alcalina: o corpo somérxese nunha solución de auga mesturada con hidróxido de sodio ou potasio a unha temperatura de 180 ºC, desintegrándoo ata que só quedan os ósos.Posteriormente, estes son triturados nun aparello denominado ‘cremulador’, que os reduce a cinzas dun xeito similar a como se faría nunha cremación estándar.
A orixe deste procedemento aplicado ao ámbito funerario data do ano 2009, cando unha empresa británica rexistrou a súa patente. Polo de agora só se leva a cabo en países coma o Reino Unido, Estados Unidos, Sudáfrica e Alemaña, de xeito que a lexislación española non contempla a ‘aquamación’ como unha alternativa para o tratamento de restos humanos.








