
As campás e a morte: así é a tradición galega
Ata hai pouco non sabía que o son e ritmo das campás durante un funeral pode variar segundo a persoa falecida. Como se interpreta esta linguaxe? Miriam Fariñas.
A linguaxe das campás na morte é un elemento moi representativo da tradición e a cultura galegas. O seu repicar non só serve para anunciar un falecemento aos veciños, senón que tamén pode dar información sobre a persoa finada.
Este sistema de aviso, que se coñece como “dobre de finados” ou “toque de morte”, tamén se emprega para acompañar o defunto ata o cemiterio, xa que algunhas persoas cren que as campás axudan a guiar as almas cara ao descanso eterno.
Máis alá deste simbolismo espiritual, o repicar tamén pode ter unha aplicación práctica: ademais de alertar e acompañar, o número, o ton e o ritmo das campás varían segundo a persoa falecida. Así, para a xente maior úsase un ritmo pausado e un son grave, mentres que para a xente nova o ritmo elévase, aínda que se mantén a solemnidade.








