É máis probable falecer no día do aniversario ca durante o resto do ano?
Existen varios casos de personaxes famosas que faleceron no día do seu aniversario: William Shakespeare, Ingrid Bergman, Luis XIV… Cal é a probabilidade de que isto ocorra? É maior ca o resto do ano? Lucía Espiño.
Se atendemos ás matemáticas, a probabilidade de falecer debería ser exactamente igual todos os días do ano. Porén, entran outras variables en xogo, como demostra un estudo publicado en 2012 na revista Annals of Epidemiology.
Este informe analizou os datos de mortalidade de 2,4 millóns de suízos entre 1969 e 2008, concluíndo que a probabilidade de morrer no día do aniversario aumenta un 13,8% con respecto ao resto dos días, chegando a un 18% en xente por riba dos 60.
Podería pensarse que a causa principal é o suicidio, que tende a producirse en datas con algún significado. No entanto, os ataques cardíacos, o cancro ou as caídas fatídicas superan ao suicidio como motivo máis común do falecemento no aniversario.
Existen varias teorías sobre o porqué destes problemas: o estrés por facerse maior, o aumento da actividade física ou os excesos vinculados á festa son algunhas das posibles causas. Tamén se cre, con menos base científica, que a xente en situacións próximas ao falecemento aguanta ata o día do aniversario e despois déixase levar pola morte.