
É normal seguir falando cunha persoa falecida?
Un amigo contoume que, meses despois do falecemento do pai, seguía a falar con el. É habitual? Miguel Fiz.
O dó é un proceso totalmente persoal, polo que as maneiras de xestionalo son moitas e moi variadas: hai quen vai cada día ao cemiterio para visitar a tomba do ser querido falecido, mentres que outros prefiren comunicarse con el.
Segundo persoas expertas do eido da psicoloxía, falar en voz alta con ese ser querido que xa non está pode ser de axuda na primeira fase do dó, permitindo asimilar a perda de xeito máis suave e realista. É normal sentir a súa presenza ata meses despois da morte, xa que o cerebro emprega as lembranzas como unha especie de mecanismo de defensa.
Outra práctica útil para atravesar este mal trago é escribir unha carta dirixida á persoa falecida cos pensamentos que quedaron pendentes ou con calquera cuestión que precisemos comunicar para conseguir alivio e liberar esa carga emocional.
Durante o dó é tan importante brindar apoio a quen o necesita como respectar os procedementos de cadaquén, sen que exista unha maneira máis válida que outra: o fundamental é recuperar a estabilidade e superar a perda.








