
En que consisten os seguros de decesos de prima única?
Meu pai ten contratado un seguro de decesos e no seu banco faláronlle da opción da prima única. Cales son as súas particularidades? Teresa Lado.
A diferenza fundamental reside na forma de pagamento: neste tipo de casos, a persoa asegurada debe abonar nun único momento o custe total desta póliza, fronte á fórmula habitual de ir asumindo as cotas periódicas.
Como é lóxico, esta modalidade esixe un investimento puntual moito máis cuantioso. O importante é revisar ben as coberturas incluídas para ter a certeza de que se axustan ás preferencias da persoa asegurada, así como o capital asegurado para que, chegado o momento, a contía abonde para cubrir todos os gastos derivados do servizo funerario.
A este respecto, cómpre ter en conta que o importe que paga a persoa asegurada non se destina unicamente ao servizo funerario, senón que tamén inclúe o beneficio que obtén a aseguradora e a comisión do mediador da póliza, entre outras cuestións. Na actualidade, xa se dan casos nos que a contía xa non é suficiente para o momento do enterro, unha situación que pode agravarse co aumento dos prezos derivado do paso do tempo.








