
Lugo, a oitava provincia española con menos seguros de decesos
Meu pai está valorando a contratación dun seguro de decesos. É habitual na sociedade lucense? José Loureiro.
Como calquera outro produto do mercado dos seguros, as pólizas de decesos presentan unha serie de condicións que convén estudar antes da súa contratación, sen que poidamos dicir que esta clase de seguros son sempre bos ou malos, xa que dependen moito das súas coberturas ou do perfil ou vontades da persoa a asegurar, entre outras cuestións.
Se botamos unha ollada ás estatísticas deste sector de actividade, segundo os datos publicados por Unespa (Unión Española de Entidades Aseguradoras y Reaseguradoras), Lugo era en 2023 a oitava provincia española con menos persoas aseguradas: un total de 86.946, o que representa menos do 27% da poboación. Nese mesmo informe tamén se recolle que preto da metade das provincias experimentaron un descenso do número de seguros activos con respecto ao ano anterior.
En calquera caso, é importante lembrar que a lei garante a liberdade de escoller a empresa funeraria, sen que a aseguradora coa que se teñan contratadas esta clase de pólizas poida impoñer unha en concreto.








