
Os seguros de decesos cobren os enterramentos fóra da localidade do domicilio habitual?
Eu vivo en Lugo, pero a miña familia é da Coruña e gustaríame, chegado o momento, ser enterrado alí. Contemplan este escenario as pólizas de decesos? Ángel Abeijón.
Coma calquera outro seguro, as pólizas de decesos non ofrecen unha cobertura absoluta, senón que hai gastos e situacións que quedan excluídos. A maiores, é importante prestar atención a certos detalles que moitas veces se pasan por alto á hora de contratar un seguro.
Un deles é o domicilio habitual, xa que, por defecto, a persoa asegurada será enterrada na localidade á que pertence a súa residencia. Por iso, no caso de que desexe ser inhumada noutro lugar, debe especificalo previamente á contratación da póliza, para que quede constancia desta vontade de ser trasladado a outra localización.
En liñas xerais, como ocorre con todo tipo de seguros, resulta fundamental ler toda a letra pequena para deixar todo ben atado, e máis neste caso, no que os custos inesperados deben ser afrontados ‘a posteriori’ pola familia nun momento que xa lles resulta especialmente difícil.








