
Pode recoñecerse un fillo no testamento?
Contáronme o caso dun home que nunca recoñeceu o seu fillo en vida, pero si lle deixou parte da herdanza. Como é isto posible? Adrián Outeiro.
O sistema sucesorio español baséase na familia, de xeito que os fillos son herdeiros forzosos de seus pais, independentemente de se estes están unidos por un vínculo matrimonial ou non. Porén, existen casos de pais que non recoñecen os seus descendentes, normalmente cando se teñen fóra do matrimonio.
Este recoñecemento pode levarse a cabo no Rexistro Civil ou por vía xudicial, pero tamén no testamento notarial. Iso si, cómpre ter en conta que este trámite non só depende do pai: se o fillo é menor de idade, a nai ten dereito a opoñerse, como recolle o artigo 124 do Código Civil.
Mentres, se o descendente xa é maior de idade, debe dar o seu consentimento ao recoñecemento. Unha vez se produce este paso, non hai volta atrás: é irrevogable e, aínda que se modifique o testamento, non se pode renunciar á paternidade.
Ademais, é un movemento de efecto inmediato, xa que o notario diante do que se realiza o testamento ten a obriga de enviar un oficio para a súa anotación no Rexistro Civil correspondente.








