
Que é a cláusula socini?
Meu avó está preparando o testamento e faláronlle da cláusula socini. En que consiste e para que se usa? Carolina Fernández.
Á hora de elaborar ou de interpretar un testamento, como con calquera outro documento legal, hai que atender a todo o que implica, xa que poden aparecer condicionantes importantes que descoñecemos, como a cláusula socini.
Trátase dun mecanismo que, dun xeito resumido, lle permite ao testador deixarlle a alguén un valor superior á lexítima (a parte da herdanza reservada por lei aos herdeiros forzosos ou lexitimarios) a cambio de que se cumpra unha condición ou unha prohibición.
Úsase, fundamentalmente, en dous casos: o primeiro é a extensión do usufruto do cónxuxe viúvo, que pasa a recibir o usufruto universal e vitalicio de todo o patrimonio, en lugar do que lle correspondería estritamente por lei. Nestes supostos, o que se pretende é que se desfrute de todos os bens hereditarios durante o que lle quede de vida á parella.
O segundo é a prohibición a persoas herdeiras e legatarias de acudir aos tribunais para cuestionar a repartición de bens. De estipularse esta condición, os herdeiros que a incumpran verán reducida a súa parte da herdanza, que se distribuirá entre os restantes.








