
Que é o dó superposto?
Teño un amigo que viviu dúas perdas de persoas achegadas moi seguidas no tempo. Como lle afecta isto no seu proceso de dó? Carmen Aguado.
Tras o falecemento dun ser querido o mundo segue a xirar, tanto para o bo como para o malo. Isto quere dicir que existe a posibilidade de volver sufrir unha perda importante pouco tempo despois, en pleno proceso de asimilación.
Segundo a persoa, esta coincidencia pode provocar diferentes reaccións, dende a impotencia ata o afundimento na tristura, cunha recuperación que esixe dun enfoque propio e persoal.
Tamén pode darse o chamado dó superposto, que fai referencia á sensación de que unha das dúas mortes importa máis cá outra ao ocupar un maior espazo na nosa cabeza e ao relegar a outra a un segundo plano, como se nos importara menos.
Nestes casos, hai que ter en conta que se trata de algo totalmente natural, xa que se fan comparacións, as emocións desbórdannos e o sufrimento non se pode distribuír equitativamente de xeito racional. Por iso, é importante evitar calquera sentimento de culpa que supoña unha carga adicional nun momento dobremente complicado.








