
Xerascofobia: cando o medo ao envellecemento e á morte pode desencadear unha enfermidade
Obsesionarse co envellecemento e coa morte resulta angustioso. Pode este temor afectar á nosa saúde? Román Velasco.
O medo ao paso do tempo e á aproximación da morte é algo totalmente natural, mais levado ao extremo pode chegar a considerarse unha patoloxía. Neste caso, recibe o nome de xerascofobia.
As persoas que a padecen senten un temor irracional ao envellecemento e á morte e tenden a obsesionarse cos seus cambios físicos ou a perda de capacidades cognitivas. Ademais, relacionan este proceso con conceptos como a soidade, a perda ou a inutilidade.
Esta preocupación excesiva afecta ao benestar e á calidade de vida da persoa, provocándolle síntomas de ansiedade con consecuencias negativas para a saúde.
Segundo a psicoloxía social, a prevención da xerascofobia pasa por evitar a soidade non desexada, darlles valor aos obxectivos cumpridos, levar unha vida activa e saudable e aprender estratexias útiles para a xestión da ansiedade.








