Intelixencia artificial e o máis alá: o algoritmo que “predí” a morte
A intelixencia artificial estase aplicando xa en moitos ámbitos das nosas vidas. Recentemente, escoitei que ata hai un algoritmo capaz de predicir a data de falecemento dunha persoa. É fiable? Xabier Casal.
Algunhas voces expertas xa falan da intelixencia artificial (IA) como a revolución máis grande do século XXI. Tal é o alcance da IA que ata se está comezando a aplicar para, do xeito máis científico e analítico posible, “predicir” o momento da morte.
Así o fixo un grupo de investigadores da Universidade Técnica de Dinamarca (DTU), quen presentaron na revista Nature o algoritmo Life2Vec, que ten a capacidade de compilar estatísticas vencelladas coa saúde, os hábitos vitais, a formación, o traballo ou o contexto socioeconómico, a partir dos cales extrae conclusións, entre as que se inclúen os anos de vida que lle poderían quedar a unha persoa ou se esta vai falecer nos vindeiros catro anos.
O estudo, coordinado por Sune Lehmann, titúlase “Using sequences of life-events to predict human lives” e para elaboralo tomouse unha mostra de seis millóns de persoas, das que escrutaron diferentes valores entre 2008 e 2016, con arredor dun 78% de acerto nas súas predicións.